viernes, mayo 16, 2008

DIARIO DE A BORDO. PISA Y ROMA

Onte estivemos en Pisa. Erguémonos a unha hora prudencial, tomamos un bo almorzo e saímos para Livorno. En Livorno tiñamos a posibilidade de sair para visitar Florencia ou Pisa.

A opción máis atractiva era Florencia, pero as combinacións de trens só nos deixaban pasar unha hora na cidade e ás présas. Así que decidimos pasar dúas horas en Pisa e unha en Livorno.

Pisa é moi pequeniña. De feito desplazámonos a pe ata a Torre, que por certo está moi ben inda que a nos gustounos máis a catedral.

Estivemos unha hora percorrendo a zona ata que tivemos que voltar a estación e de aquí a Livorno onde paramos a "manjar un gelato a la Piazza de la Republica". Que ricos!!
Despois bordeamos a Fortezza nuova seguindo as canles que son como as de Venecia e xa voltamos para o barco.
Como curiosidade dicir que os billetes de bus e de tren vendíannos na libraría da estación. Tanto en Livorno coma en Pisa, a maioría da xente anda en moto ou bici, que teñen preferencia sobre os coches. A pesares de ser pequeniña, Pisa ten moito que ver.

Hoxe fumos a Roma por decisión popular. Todos querían ir ao Vaticano. Como non nos atrevemos a ir sos por Roma, contratamos unha excursión "Roma al completo" que inclúe a visita á Capela Sixtina. Foi unha visita moi interesante na que poidemos ver cáseque tódalas ruinas romanas e algúns edificios modernos pero moi interesantes.

O malo é que, como agardábamos, o ritmo foi moi alto e a información demasiado densa e abundante, polo que realmente non podemos dicir que o disfrutásemos moito. Seguimos pensando que o mellor sería ir pola nosa conta.
De tódolos xeitos foi unha visita moi interesante. Vimos o Coliseo, o Circo Máximo, o Panteón, a Fontana de Trevi, un montón de palacios, o Museo do Vaticano, a Capela Sixtina e a...
A BASÍLICA DE SAN PEDRO.

Vimos moitas cousas máis pero que agora mesmo son incapaz de recordar. Cando consiga asimilar toda a informacion que recibimos seguro que nos lembraremos de máis cousas.

Aparte de este resumo diciros que estamos moi ben. O grupo está disfrutando moitísimo e os están tratando de cine.

Foi un gran acerto organizar esta viaxe e debemos seguir facendo cousas de este estilo. A pesares de quedar durmidos cada vez que sentan do cansos que están, ningún quere oir falar de ir ós camarotes. Queren ver moitas cousas e ir de troula.

E incrible a reacción que están tendo e a intensidade coa que están vivindo tantas experiencias.

MOITOS SAÚDOS PARA TODOS E TODAS

No hay comentarios: